Ana Viéitez (Arbo, 1998) é graduada en Criminoloxía e amante das historias, dos crimes e dos grupos de amigos problemáticos dende que abriu o seu primeiro libro de Enid Blyton cando apenas aprendera a ler. No seu tempo libre, acumula libros por riba das súas posibilidades, le todos os que pode, fala deles na súa conta de Instagram "toxinho_books" e tamén os escribe acompañada do seu gato Fermín. Outra das súas paixóns é a natureza, así que poderás atopala paseando polo monte coas súas cadelas, desfrutando das vistas ou anotando a mellor forma de deixar un cadáver nunha carballeira.
