Xosé-Henrique Costas González (Mantelas-Freixeiro-Vigo, 1962). Licenciado en Filoloxía Hispánica (Galego-Portugués) e doutor en Filoloxía Galega pola USC, é profesor na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, tras o seu paso como docente de Lingua Galega polos campus da Coruña, Pontevedra e Ourense. Foi tamén profesor e conferenciante invitado en diversos cursos e mestrados de universidades de Italia, Alemaña, Irlanda e Brasil. Na Universidade de Vigo desempeñou os cargos de director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina; director da Área de Normalización Lingüística (responsable das campañas de normalización Chámate con xeito, Busco amante galego falante e Europa é plurilingüe: quen sabe galego sabe máis) e, nos últimos anos, vicerreitor de Extensión Universitaria. Como investigador está especializado fundamentalmente nos eidos da dialectoloxía e da sociolingüística. En dialectoloxía vén traballando nas falas do galego exterior (Eo-Navia, Bierzo e As Portelas), principalmente no chamado valego ou galego de Cáceres, sobre as que ten publicado unha trintena de artigos e edicións.