Gustavo Pernas Cora (Viveiro, 1959) é licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1985 dedícase profesionalmente ao teatro, combinando traballos de actor en diferentes compañías co traballo de dirección e escrita dramática. Profesor de Guión e Teatro na Escola de Imaxe e Son da Coruña. En 1989 funda con Ánxela G. Abalo a compañía de teatro Ancora Produccións na que dirixe e interpreta os seus propios textos. Entre outras, estreou e publicou as seguintes obras: O Galego, a Mulata e o Negro; a triloxía Comedias Paranoicas (formada por Ladraremos, Fábula e Anatomía dun Hipocondríaco); Sucesos; Footing; Paso de Cebra; Final de Película; Medidas Preventivas; Taras Mínimas; ou a triloxía 3 Logomonos (formada por Colgados, Pisados e Snakizados). Recibiu, entre outros, os premios Max de las Artes Escénicas, Rafael Dieste, María Casares, Compostela, AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), Roberto Vidal Bolaño e Maruxa Villanueva. Algunhas das súas obras foron publicadas ou estreadas en Francia, Portugal ou Uruguai.