Editorial: Laiovento
Colección: VentoaLto . Poesía ; 24
Número de páginas: 82 págs. 21.0 x 14.0 cm
Fecha de edición: 17-12-2025
EAN: 9788484877516
ISBN: 978-84-8487-751-6
Precio (sin IVA): 14,38 €
Precio (IVA incluído): 14,96 €
O xogo de palabras que organiza o título de Agora, eu cariota, deconstrución do signo, reconstrución do eu integrado como especie biolóxica no corpo superior da Natureza, trascende o perímetro da función lúdica para ser pronunciado como significado central dun discurso poético que se constrúe a el mesmo ao xeito de moi suxestiva Semiótica da realidade natural, elaborada co instrumento dobre da Ciencia e a Poesía. Xosé Gago escrebe a paisaxe e, asemade, le o texto dun “mundo en colapso”, tal como entende Susana Sanches Aríns o libro nun limiar de alto nivel expresivo, magnífica escrita en espello. O autor transparenta a continuación as liñas da súa vontade de acción transformadora a través do poema: “Nun mundo cada vez máis precariota, a resposta está nos procesos comunitarios, pluricelulares. Facernos eucariotas para perdernos no colectivo”. O eu desprendido do título quebrado medra cara á dimensión da persoa plural para fundirse coa materia da Natureza e das tribus humanas en alegato de vibrante e ben temperada disidencia.
Sen dimitir da fundamental pulsión épica, o poeta de Agora, eu cariota evita a pronuncia hipertrofiada do manifesto combativo tanto como a declaración esencial e inocente da comunicación pedagóxica. Este libro fundamenta a súa arquitectura nos alicerces da experiencia emocional, que se verbaliza a través dun discurso de singular estilo, fluído natural dunha voz que se interna con frecuencia en desvíos de imaxe inesperada, enigmática, polisémica, e que avanza en procura do “cromosoma da nosa identidade profunda”
